Galego

Que é VEGAP?

VEGAP (Visual Entidad de Gestión de Artistas Plásticos) é unha organización sen ánimo de lucro que representa en España a máis de cen mil autores de todo o mundo.

A nosa organización foi creada en 1990 por un grupo de artistas españois para xestionar de maneira colectiva os seus dereitos de autor, de acordo coa Lei de Propiedade Intelectual. Ese ano, VEGAP foi admitida como membro de pleno dereito da CISAC, uníndose a unha rede de sociedades de creadores visuais de corenta países.

VEGAP ten subscritos contratos de representación recíproca con trinta e nove sociedades de autor doutros países, que aparecen recollidas na nosa páxina web (www.vegap.es). Isto significa que los dereitos de autor dos socios de VEGAP son xestionados nos países da Unión Europea e doutros continentes, tales como Arxentina, Brasil, Canadá, Estados Unidos, México, Australia, Corea e Xapón, entre outros.

Por que me interesa?

Vantaxes:

Flexibilidade. VEGAP adáptase ás necesidades de xestión de cada socio. Existe unha forma de xestión dos dereitos para cada necesidade. Modelos de contratos, licenzas, tarifas...

Eficiencia. A xestión colectiva permite alcanzar uns resultados moi eficientes na protección dos dereitos, a un baixo custo.

Experiencia. VEGAP ten un equipo de expertos que traballan nunha organización con máis de vinte anos de experiencia.

Rede. Os socios de VEGAP forman parte dunha rede internacional de creadores moi importante e numerosa.

Información. A xestión, que se realiza en todo o mundo, permite que o socio reciba unha información moi detallada de todos os usos das súas obras.

Asesoramento. Os socios de VEGAP reciben un asesoramento xurídico e fiscal gratuíto a través dos servizos que presta VEGAP a través do seu Fondo Asistencial e Cultural.

Asistencia. Os socios de VEGAP taméngozan doutras actividades asistenciais gratuítas que se lles proporciona a través do Fondo Asistencial e Cultural como, seguros colectivos gratuítos, vantaxes e descontos en distintos servizos externos, etc.

Promoción. EGAP promove a creación visual, a través de seminarios, premios, encontros, dirixidos tanto a artistas como a xuristas especializados en Dereito de Autor.

Banco de Imaxes. Os socios de VEGAP que o desexen, poden beneficiarse deste servizo de subministración de reproducións dixitais das súas obras, previamente autorizado por eles, dunha alta calidade e acompañados das correspondentes licenzas para regular o seu uso.

Como funciona?

Estrutura operativa:

A estrutura operativa de VEGAP, establecida nos seus centros de Madrid e Barcelona, dispón de:

Área de Dirección Xeral, que ten encomendada a dirección de todo o equipo de traballo (dgeneral@vegap.es);

Área económica e de administración, na que se xestionan tanto os cobros como as reparticións aos autores (admon@vegap.es);

Área de xestión das licenzas, na que se tramitan todas as solicitudes de autorización para o uso das obras dos autores que represent VEGAP (licencias@vegap.es);

Asesoría Xurídica, que presta os seus servizos a toda a organización (serviciosjurídicos@vegap.es);

Área de información xeral (infomad@vegap.es, infobcn@vegap.es) e de xestión para os socios (socios@vegap.es);

Banco de Imaxes de arte contemporánea español, que fornece reproducións dixitais das obras, coa máis alta calidade, que foron previamente visadas e autorizadas polos autores e que van acompañadas das correspondentes licenzas, que permiten a súa reprodución para as máis variadas aplicacións (bi@vegap.es).

Órganos de Goberno:

A Asemblea de socios de VEGAP é o órgano supremo da Entidade. A Asemblea determina a forma de xestión dos dereitos, aproba as contas, nomea aos representantes no Consello de Administración e resolve calquera asunto que sexa de interese para os socios.nReúnese como mínimo unha vez ao ano

A Comisión Permanente Executiva, é unha comisión reducida do Consello de Administración, formada por dez membros, que se reúne mensualmente para adoptar todas as decisións relativas á xestión permanente da Entidade.

O Consello de Administración de VEGAP é elixido cada cinco anos pola Asemblea de socios. Está composto por vinte membros, que necesariamente han de ser socios da Entidade. Os membros do Consello de Administración non poden ser empregados de VEGAP, nin estar incursos en ningunha incapacidade ou inhabilitación legal. O Consello ten as facultades de xestión, administración e representación que lle outorgan os Estatutos. O Consello elixe de entre os seus membros ao seu Presidente e aos seus Vicepresidentes.

Cales son os meus dereitos?

Dereitos morais e económicos:

Os autores teñen dereitos morais, como o dereito ao recoñecemento da condición de autor ou o de protexer a integridade da mesma. Estes dereitos non son obxecto de xestión, senón de defensa, e Vegap axuda aos autores a defendelos.

Vegap xestiona os dereitos económicos que a Lei recoñece aos creadores visuais. Os dereitos económicos son de dous tipos: os dereitos exclusivos e os dereitos de remuneración.

Os dereitos exclusivos (de reprodución, de distribución, de comunicación pública e de transformación) confiren en exclusiva aos autores a capacidade de autorizar, ou non, a reprodución das súas obras, a súa distribución ou a comunicación ao público destas reproducións mediante a súa emisión televisiva, ou aparición en producións audiovisuais, así como a transformación destas obras

Os dereitos de remuneración compensan economicamente aos autores por algún límite aos seus dereitos para beneficio da sociedade.

O dereito de participación remunera ao autor cunha porcentaxe do prezo o da revenda das súas obras. Beneficia aos artistas plásticos, aos fotógrafos e aos vídeo-creadores.

A remuneración por copia privada compensa aos creadores visuais polo libre uso dos cidadáns e para uso privado das copias das creacións visuais cando estas se incorporan en libros, revistas culturais ou científicas ou en soportes audiovisuais.

Vegap xestiona estes dereitos a favor dos autores que representa. No caso dos dereitos exclusivos, Vegap emite licenzas, previo acordo dos autores, para autorizar o uso das súas obras. As licenzas están condicionadas ao pago das cantidades establecidas nas Tarifas Xerais que se aproban cada ano.

Vegap ten subscritos centos de Convenios con Institucións Públicas e Privadas e Asociacións de Usuarios que garanten o respecto aos dereitos de autor dos artistas visuais en todo o territorio españoll.

Como me fago Socio?

Asóciate:

Pode asociarse a VEGAP calquera autor ou autora de creacións visuais (artes plásticas, fotografía, ilustración, deseño gráfico, videocreación, arte electrónica, arquitectura ou cómic) así como quen ostenten os seus dereitos de autor (herdeiros ou institucións).

Facerse socio de VEGAP é moi sinxelo, pois basta con seguir os seguintes pasos:

  • Solicitar a información e documentación necesarias no departamento de atención ao socio (socios@vegap.es).
  • Escoller o contrato de adhesión máis adecuado.
  • Entregar ou enviar a seguinte documentación: copia do Documento Nacional de Identidade, pasaporte ou tarxeta de residencia, Currículo vitae, un catálogo de obras ou fotografías, ou imaxes das mesmas e dous exemplares asinados do contrato de adhesión escollido.
  • Só ha de abonarse unha cota única de admisión de 60,10 €, que se pagará ao comunicarse a admisión.

¿Te gusta esta página? Recomienda este sitio en tus redes sociales